O PROXECTO
Os membros do Grupo de investigación LITER21 veñen desenvolvendo diferentes investigacións relacionadas coa liña de educación artística e patrimonio. Por exemplo co proxecto de investigación Contramapas do camiño. Memorias do Habitar do Programa da Xunta de Galicia O Teu Xacobeo (TU300A), un proxecto outorgado en réxime de concorrencia competitiva, na convocatoria vinculada ao Programa Ano Santo Xacobeo 2021. Froito deste proxecto realizáronse e difundíronse cinco paneis nos lugares obxecto da investigación e, tamén, publicouse un artigo (Freire, Franco-Vázquez, & Rajal, 2021). Co fin de seguir a investigación desta liña, formulamos este proxecto.
As accións desenvolvidas no campo educativo, en particular desde as Ciencias Sociais e desde a Educación Artística, son esenciais para o coñecemento, a sensibilización, comprensión, coidado e protección do patrimonio cultural (Karadeniz, 2020). O respecto ao patrimonio cultural inmaterial supón o coñecemento da identidade propia de cada pobo, o cal fomenta o respecto ao diferente, a tolerancia e o diálogo co outro. Ao coñecer e respectar o patrimonio cultural inmaterial estaremos promovendo actitudes de tipo inclusivo que benefician a convivencia e enriquecen á sociedade. A educación artística e patrimonial fomenta a sensibilidade e anima a apreciar o diferente (Marañón, 2022), á vez que tamén permite pensar nos espazos e actuar neles (Pinto e Molina Puche, 2015). Educar futuros adultos comprometidos e responsables é tarefa das familias e das institucións educativas. O Special Eurobarometer 466. Cultural Heritage (Comisión Europea, 2017) -que ofrece información sobre as actitudes e opinións das persoas nos diferentes países europeos relacionada co patrimonio cultural- sinala que só unha parte dos participantes no seu estudo mostraba algún tipo de participación en actividades ligadas ao patrimonio cultural.
Son necesarias accións para cambiar esta tendencia. Traballando na formación inicial do profesorado podemos facilitar que os estudantes perciban os amplos beneficios que ofrece a participación en actividades artísticas e levar esa dinámica o seu día día. Como nos lembra a UNESCO (s.f., cit. por Oliveira & Gillanders, 2024), “para preservar os activos culturais patrimoniais deben promoverse a comprensión do significado e o valor que estes teñen”.
Referencias